Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 3 Maio 2024.

CCOO advirte a ENCE que se vulnera o dereito de folga das auxiliares do metal presentará denuncia na Fiscalía

    Así como defendemos con firmeza a permanencia de Ence en Lourizán, coa mesma contundencia actuaremos para que se respecte o dereito á folga.

    18/06/2023.
    Fabrica de Ence en Lourizan-Pontevedra

    Fabrica de Ence en Lourizan-Pontevedra

    Ante a previsión da dirección de ENCE de contratar empresas do sector do metal para substituír as auxiliares habituais que prestan servizo en Lourizán durante as xornadas de folga no sector do 20 e 22 de xuño (dúas empresas de Galicia e dúas de Portugal ), CCOO Industria vai presentar, inicialmente, unha denuncia na Inspección de Traballo e despois, se efectivamente se confirma a substitución dos traballadores en folga, outra denuncia ante a Fiscalía de Pontevedra pola comisión dun delito de vulneración do dereito de folga.

    CCOO, que defende con firmeza a permanencia de Ence en Lourizán, actuará coa mesma firmeza e contundencia para que se respecte o dereito constitucional dunha folga que está máis que xustificada ante as propostas da patronal do metal, que lles faltan ao respecto aos traballadores e traballadoras do sector.

    Unha das reivindicacións centrais da plataforma sindical unitaria é o establecemento dunha cláusula de subrogación, que afecta directamente os traballadores das empresas auxiliares do metal que prestan servizos en Lourizán, dereito que xa teñen, por exemplo, os traballadores do sector de limpeza.

    A subrogación afecta a estabilidade laboral de traballadores que agora están suxeitos ao asinamento de acordos de contratación de servizos entre ENCE e as empresas auxiliares, e que poden ir á rúa se ENCE contrata outras empresas distintas das que están a prestar servizos na actualidade.

    A coincidencia da parada da fábrica coa convocatoria de folga non se pode resolver a favor dos intereses empresariais de ENCE e en detrimento do dereito de folga dos traballadores, e CCOO Industria utilizará todos os medios legais que cumpran para defender os dereitos dos traballadores.